Saturday 20 de April de 2024

O programa ‘Goza do Ulla 2019’ ofrece vinte rutas pola beira do Ulla dende maio ata novembro


Os 20 concellos participantes reafírmanse no impulso dunha Gran Ruta do Ulla, un itinerario de sendeirismo de 250 quilómetros ininterrompidos pola beira do río, coa creación da Asociación Concellos do Ulla

O programa ‘Goza do Ulla 2019’ ofrece un total de vinte rutas de sendeirismo para disfrutar con toda intensidade do río Ulla dende o mes de maio ata novembro. Cada ruta está programa nun Concello bañado polo río que discorre por tres provincias. As caminadas póñense en marcha o 5 de maio en Monterroso e rematarán o 5 de novembro en Rianxo. Os 20 concellos bañados polo Ulla manteñen firme a súa aposta por deseñar, crear e impulsar unha Gran Ruta do Ulla a pé, un itinerario de sendeirismo de 250 quilómetros ininterrompidos pola beira do río. Xa teñen listos os estatutos da que será a Asociación Concellos do Ulla. Agora estes estatutos deberán levarse a estudo e aprobación por parte de cada un dos 20 concellos.
O programa Goza do Ulla naceu no ano 2011 coa participación de cinco concellos ribeireños. Oito anos despois, toman parte 20 municipios das tres provincias: Lugo Pontevedra e A Coruña. Son os concellos da Estrada, Agolada, Antas de Ulla, Arzúa, Boqueixón, Catoira, Dodro, Monterroso, Padrón, Palas de Rei, Pontecesures, Rianxo, Santiso, Silleda, Teo, Touro, Valga, Vedra, Vila de Cruces e Vilagarcía.

A programación para o 2019 será a seguinte: Monterroso (O encanto do Ulla e a Feira do Qeixo, o 5 de maio); Palas de Rei (Ruta das Torrentes, 18 de maio); Vilagarcía de Arousa (Circular polo Xiabre dende o mirador sobre o Ulla ata o embalse, 25 de maio); Dodro (Brañas de Laíño, 8 de xuño); Boqueixón (Roteiro de Pescadores e Río Grande, 29 de xuño); Vedra (Ruta de San Xoán da Cova, 4 de agosto); Agolada (O sobreiral do Arnego, 10 de agosto); Pontecesures (Ollando o Ullán, 1 de setembro); Valga (O val do Ulla, 7 de setembro); Teo (Do Sesteiro ao Ulla polo camiño dos arrieiros, 8 de setembro); Antas de Ulla (Ulloando polo nacemento, 15 de setembro); A Estrada (Os sons do Ulla, 21 de setembro); Arzúa (Ruta da Fervenza das Hortas, 28 de setembro); Padrón (Polas beiras do Ulla, 5 de outubro); Catoira (Ruta de Oeste, 6 de outubro); Silleda (Roteiro Praia de Cira ata Couto do Castro (A Estrada), 12 de outubro); Santiso (Sendeiro de Beigondo, 19 de outubro); Touro (De igrexa de Novefontes a Souto do Barco, 26 de outubro); Vila de Cruces (Ollares-Ponte Basebe, 27 de outubro); e Rianxo (As tres cruces, 2 de novembro).

Gran Ruta do Ulla

Os representantes dos 20 concellos que impulsan Goza do Ulla reuníronse a semana pasada en Agolada. A reunión serviu para avanzar na creación da Gran Ruta do Ulla, que se creará coa unión dos roteiros habilitados por cada concello. Esta gran ruta de sendeirismo, co Ulla como referencia, terá máis de 250 quilómetros de sendeiros ininterrompidos que terán como nexo común a curso fluvial. Os representantes municipais apostaron por seguir avanzando na iniciativa da Gran Ruta do Ulla, que conta co compromiso de participación da Xunta de Galicia na redacción do proxecto e na súa execución.

Para a súa posta en marcha é preciso constituír a que se denominará Asociación Concellos do Ulla. O borrador dos estatutos da asociación xa está elaborado. Na reunión da semana pasada acordouse levar a estudo e aprobación dos Estatutos por parte de cada un dos concellos, que apostaron e reafirmáronse no desenvolvemento turístito deste espazo natural e promover a defensa deste patrimonio tanto natural como histórico e artístico.